martes, 24 de julio de 2012

Día da Patria Galega

As Orixes do
Día da Patria Galega


Debuxo da revista Vieiros. Ano1959
O 25 de xullo, celebrámo-lo día do noso país, en palabras de Castelao: "a festa maor de Galicia, a festa de todol-os galegos".

As orixes desta celebración remóntanse ó 1920, ano no que as Irmandades da Fala organizan o primeiro Día de Galicia como acto de afirmación da nosa identidade colectiva.

Dende esta primeira convocatoria, as manifestacións organizadas para conmemora-lo Día de Galicia estiveron sempre condicionadas pola situación política de cada momento, aínda que sempre tiveron como eixo central a reivindicación dos nosos símbolos e a nosa identidade coma país.

Durante a longa noite de pedra, as sociedades galegas na emigración manteñen acesa esta convocatoria e, en Galicia, o galeguismo se concéntrase ó redor da tradicional misa por Rosalía na igrexa de Santo Domingo de Bonaval.

A finais da década dos 60, as organizacións nacionalistas comezan a convocar concentracións en Compostela o 25 de xullo. É no 1973 cando se empeza a utiliza-lo termo "Día da Patria Galega", denominación que pouco a pouco se vai consolidando e que se mantén na actualidade, aínda que tamén se segue utilizando a de Día de Galicia.

Dende a instauración da democracia e a promulgación do Estatuto de Autonomía, a práctica totalidade das organizacións políticas e unha boa parte das institucións públicas programan todo tipo de actividades para conmemoraren esta data. Ás declaracións institucionais da Xunta de Galicia e do Parlamento Galego; ós bandos municipais chamando ós veciños e veciñas a celebra-lo Día e a coloca-la bandeira galega o mesmo 25 de xullo en rúas e balcóns; ás conferencias, mítins e xornadas de confraternidade que preceden ou teñen lugar o propio 25, hai que suma-las manifestacións populares de carácter reivindicativo que ese mesmo día percorren as rúas de Compostela.

Neste 25 de xullo de 1996 -ano no que se cumpren o 150 aniversario da Proclama da Xunta Superior do Goberno de Galicia de 1846 e o 60º do Estatuto de Autonomía- en Vieiros queremos utiliza-la Internet como un medio máis na recuperación da nosa memoria colectiva, como unha ponte que nunha data tan sinalada contribúa, parafraseando ás Irmandades da Fala, a "estreitar os lazos entre os galegos da metrópoli e os que teñan residenza nas nosas numerosas colonias sen bandeira" e unha vía para amosarmos a nosa pertenza a un pobo con identidade de seu.

No hay comentarios:

Publicar un comentario